A Renovación Carismática vai cumprir corenta anos na Arquidiocese de Santiago
A Renovación Carismática chegou a Galicia en 1975. O 19 de marzo, día de S. Xosé, celebrouse o primeiro Retiro no Colexio A Salle de Santiago de Compostela. Os sacerdotes León Maxfield e Pedro Fernández viñeron dirixilo dende Salamanca. Asistiron irmáns de Santiago e algúns de Boiro e A Coruña. Había moitos relixiosos e relixiosas e bastantes mozos. Aquel Retiro deu lugar ao nacemento -na capital de Galicia- do primeiro Grupo de Oración, que se chamou Siquén. Ao ano seguinte -1976- comezan outros dous: o Grupo Shalom (A Coruña), con varias relixiosas (dúas Esclavas, dúas Oblatas e unha da Grande Obra de Atocha), un sacerdote pasionista (Xesús Prieto) e tres mozos (Montse, Javier e Mª Carmen); e o Grupo Esperanza (Vigo), cunha monxa xesuitina (Henar) e un mozo (Javier Almuiña).
No ano 77 celébrase a 1ª Asamblea de Galicia dirixida por tres dos cinco membros da Coordenadora Nacional. Este encontro servirá para impulsar o nacemento de novos Grupos e para elixir a 1ª Coordenadora de Galicia, formada por Antonio Peteiro (sacerdote franciscano de Santiago que, en 1983, sería nomeado Arcebispo de Tánxer), Henar Martín (xesuitina de Vigo) e Javier e Montse (matrimonio de A Coruña).
No ano seguinte revísase este equipo coordenador e engádeselle un quinto membro: Jesús Sánchez (sacerdote xesuita de A Coruña). Comezan a multiplicarse os Grupos. Xurden :
- O Grupo de Ourense, por medio de varios xoves (Rosa, Ángeles e Enrique).
- O Grupo de A Guardia, cos sacerdotes somascos Gratto e Federico.
- O Grupo de Lugo, coa relixiosa Carmen Meiriño e varios xoves.
- O Grupo de Pontevedra, a través dun irmán do Grupo Esperanza (Antonio Figueras) e da relixiosa calasancia Emilia Boán.
Durante esta primeira etapa, unha boa parte das/dos responsables son relixiosos/as. Hai algúns sacerdotes e unha proporción significativa de xoves. O Grupo Siquén chega a ter un cento de irmáns, o Shalom pasa de trinta e o resto son menos numerosos.
En 1980 elíxese unha nova Coordenadora: Montse, Javier, Jesús Sánchez e Enrique Morán. Comeza unha segunda etapa da R.C.C. en Galicia. Por un lado, ten lugar un desenvolvemento dos Ministerios nos Grupos e aparecen Grupos de Profundización en Vigo e A Coruña. Doutra banda, hai un progresivo "abandono" de relixiosos e relixiosas como responsables dos grupos e unha maior implicación dos seglares.
0 comentarios