Comunidade Caná

Comunidad Católica de Alianza integrada por familias en el seno de la Renovación Carismática

Avivemos o LUME do ESPÍRITO!

By 19:42



"Se é un feito histórico que a Igrexa saíu do Cenáculo o día de Pentecoste, pódese dicir que, dalgún xeito, nunca o ten deixado" (Dominum et Vivificatem, 66).
.
     Pentecoste é a festa da colleita, tal e como a celebraba o pobo de Israel: as flores convértense en froitos. O noso froito é Xesucristo. No Cenáculo é onde Cristo institúe a Eucaristía, onde nos lava os pés, onde nos dá o mandamento novo do amor, onde a Igrexa -unida pola paz e a graza do Espírito, unida a María- lánzase sen medo a evanxelizar. “É o trampolín dende onde mirar ao mundo tan necesitado da tenrura de Deus” (F. Cerro). Cando a Igrexa vive no Cenáculo e se abre á acción do Señor e Dador de Vida, faise unha permanente primavera onde agroma a santidade.
     Pascua é condición precisa de Pentecoste. Xesús dixera: “Convenvos que eu me vaia...” (Xn 16, 7). A Pascua, di Raniero Cantalamessa, "é necesaria para o don do Espírito, porque este non podía vir mentres o home estivese baixo o dominio do pecado. Agora, coa morte e a resurrección de Cristo queda destruído o corpo de pecado (Rm 6, 6)".
     S. Xoán XXIII, na convocatoria oficial do Concilio Vaticano II, oraba así: “Renova no noso tempo os prodixios dun novo Pentecoste, e concede que a Santa Igrexa, reunida en unánime e intensa oración en torno a María, Nai de Xesús, e guiada por Pedro, propague o reino do Salvador divino, que é reino de verdade, de xustiza, de amor e de paz" (Humanae Salutis, 21).

     "A Igrexa é un Pentecoste permanente (J. Ratzinger). O Espírito Santo é a súa alma. Inspirada por El, fala a linguaxe do amor; a linguaxe que todo o mundo entende e que, cando a falamos os cristiáns, xera nova vida. De tal xeito que a vinda do Espírito non se limita á comunidade eclesial, senón que, por medio dela, chega a toda a humanidade; e, polo Espírito, a Igrexa -a imitación de María- faise nai e evanxelizadora de todos os pobos.
    Cómpre que, no corazón da Igrexa de Compostela, avivemos o lume do Espírito. Porque Pentecoste non é calquera cousa. Estamos no tempo dos soños, das visións… e do cumprimento das promesas de Deus. Tempo de que o Espírito faga novas marabillas: inesperadas, desconcertantes, desestabilizadoras… Marabillas de comuñón. En ti, en min. A impresionante marabilla de deixar a Deus ser Deus!
    “Na mañá de Pentecoste, María presidiu coa súa oración o comezo da evanxelización baixo o influxo do Espírito Santo. Sexa ela a Estrela da Evanxelización sempre renovada que a Igrexa, dócil ao mandato do Señor, debe promover e realizar nestes tempos difíciles e cheos de esperanza” (Paulo VI. Evangelii Nuntiandi, 82).
 . . . . .Así que... veña, ímoslle botar leña ao lume do Espírito!
Javier R, Comunidade Caná

0 comentarios