O Nome de XESÚS
Este NOME debe ser publicado para que brille, non pode quedar escondido. Pero non pode ser predicado cun corazón manchado ou unha boca impura, senón que debe ser colocado e amosado nun vaso escollido. Por isto di o Señor, referíndose ao Apóstolo: Este é un vaso que me escollín eu para que leve o meu nome aos xentiles, aos reis e aos fillos de Israel. Un vaso -di- que me escollín, como aqueles vasos escollidos en que se expón á venda unha bebida de agradable sabor, para que o brillo e esplendor do recipiente invite a beber dela; para que leve -di- o meu nome.
En efecto, do mesmo xeito que un campo, cando se acende lume nel, queda limpo de todas as silveiras e espiñas secas e inútiles, e así como, ao saír o sol e disiparse as tebras, se esconden os asaltantes, os delincuentes nocturnos e os que entran a roubar nas casas, así a predicación de Paulo aos pobos, semellante ao fragor dun gran trono ou a un lume que irrompe con forza ou á luz dun sol que nace esplendoroso, destruía a infidelidade, aniquilaba a falsidade, facía alumear a verdade, como cando a cera se derrete á calor dun lume ardente.
El levaba por todas as partes o Nome de Xesús, coas súas palabras, coas súas cartas, cos seus milagres e exemplos. Loaba sempre o Nome de Xesús, e chamábao na súa súplica. O Apóstolo levaba este nome como unha luz, aos xentiles, aos reis e aos fillos de Israel, e con el alumeaba ás nacións, proclamando por todas as partes aquelas palabras: A noite vai pasando, o día está enriba; deixemos, pois, as obras das tebras e vistámonos das armas da luz. Andemos como en pleno día, con dignidade. Mostraba a todos a lámpada que arde e que alumea sobre o candeeiro, anunciando en todo lugar a Xesucristo, e este crucificado. De aí que a Igrexa, esposa de Cristo, apoiada sempre no seu testemuño, se alegre, dicindo co salmista: Meu Deus, instruíchesme dende a miña xuventude, e ata hoxe relato as túas marabillas, é dicir, que as relataba sempre. A isto mesmo exhorta o salmista, cando di: Cantade ao Señor, bendicide o seu nome, proclamade día tras día a súa salvación, é dicir, proclamade a Xesús, o Salvador enviado por Deus.
San Bernardino de Siena, presbítero (Sermón 49, Sobre o glorioso Nome de Xesucristo)
0 comentarios